Novas
REDEIRAS. Redes que unen ciencia, creatividade e sociedade.
Compartir experiencias e fomentar o networking entre profesionais do ámbito científico e tecnolóxico. Este foi o principal obxectivo co que o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, lanzou o evento Redeiras en colaboración con Ingenyus, promotores do ciclo "Beyond the lab". A cita, que tivo lugar na tarde deste mércores no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, puxo o foco na importancia das redes, tanto internas como externas, que tenden puntos de unión para unir a investigación coa creatividade, a empresa coa universidade ou a tecnoloxía coa sociedade.
O encontro, que formou parte do proxecto EMPREN+AP, impulsado polo CINBIO e financiado na Convocatoria I+P pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades en colaboración coa Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC), contou coa participación de cinco voces diferentes, expertas na súas materias, que compartiron coas persoas asistentes o seu xeito de entrelazar coñecemento, creatividade e persoas desde os seus ámbitos de actuación.

Tras a benvida a cargo da subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, a investigadora e líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO, Verónica Salgueiriño, foi a primeira en compartir as súa experiencia na creación de conexións profesionais, tanto nas temáticas da súa investigación como nas colaboracións que se xeraron a nivel internacional desde o seu grupo. Precisamente a colaboración e a importancia de conectar coas persoas e coidar as nosas redes internas, foi o foco da intervención de Anxo Vidal, Innovation Manager en Incotec, quen incidiu no imprescindible que son esas conexións para impulsar o noso potencial en innovación. Tras el, a xerente da Fundación Arume, Sofía Pérez, tomou a palabra para compartirnos a súa viaxe persoal e profesional no eido da industria alimentaria, incidindo novamente na importancia da cooperación entre as diferentes áreas e departamentos como estratexia clave para ser innovadores.



Como punto final da xornada, da man de José Rosendo e Diana Sofia Herrera coñecimos de preto o funcionamento de redes como a de Kiur; ou o de comunidades rurais como a de Rural Hackers que, segundo relataron África Rodríguez e Agustín Jamardo, xeran historias persoais a través da unión da tecnoloxía coa arte e a vida rural.


Así, Redeiras contou con cinco experiencias diversas; cinco voces expertas que nos lembraron a importancia de tecer redes, tanto externas como internas, para que o coñecemento científico tome o camiño da innovación.
EMPREN+AP, un programa para fomentar a cultura da innovación no ámbito académico
Xunto con outras accións como a xornada de capacitación científico-tecnolóxica, varias xuntanzas de traballo e unha visita ao centro de investigación, este encontro encádrase dentro do programa EMPREN+AP, promovido polo CINBIO en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cofinanciado a través da primeira Convocatoria I+P de ayudas a la experimentación e innovación de políticas públicas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Oficina Nacional de Asesoramiento Científico (ONAC). Ademais, EMPREN+AP intégrase no marco estratéxico RIS3 Galicia 2021-2027, contribuíndo a fortalecer os vínculos entre o persoal científico experto e o persoal da GAIN, entidade colaboradora do programa.
Sobre CINBIO
O CINBIO é un centro de investigación da Universidade de Vigo, especializado en nanomaterias e biomedicina, e cofinanciado con fondos FEDER. Ademais, conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS