Novas
“Exemplo da investigación excelente que se fai en Galicia”. Así se referiu este martes o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ao CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Fíxoo nunha visita ao centro na que estivo acompañado polo reitor, Manuel Reigosa, e o director, Miguel Correa, quen se encargou de guiar un percorrido no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; as vicerreitoras de Investigación e Profesorado, Belén Rubio e Adela Sánchez; a secretaria xeral da UVigo, Mª José Bravo Bosch, e o delegado de Educación na provincia de Pontevedra, César A. Pérez.
No percorrido polas instalacións, o conselleiro puxo en valor o compromiso do Goberno galego con este centro, un dos dez que conforman a rede Cigus da Xunta de Galicia, na que se aglutinan os centros de investigación máis destacados das universidades públicas galegas. Nesta liña, o conselleiro explicou que a administración autonómica leva achegado ao CINBIO máis de 6,3 millóns de euros nos últimos anos, entre eles 1,4 M€ a través de convenios en materia de I+D+i e de equipamento que permitiron acometer toda unha serie de reformas nas súas instalacións e adquirir material científico de última xeración para o desenvolvemento da súa actividade.
“Este financiamento, xunto con outras liñas de ingresos, posibilitan ter un nivel de investigación absolutamente excelente”, manifestou o conselleiro, quen lembrou que se trata dun centro no que traballan máis de 170 investigadores e investigadoras, “máis do 15% estranxeiros”. Remarcando o “enorme potencial” nos ámbitos onde desenvolve o seu traballo, Rodríguez destacou tamén o labor do CINBIO en materia de transferencia logrando materializar tres spin-off e 26 patentes. “Estamos pois nun lugar que é exemplo da boa saúde que está experimentando a investigación en Galicia”, subliñou Rodríguez, quen aproveitou para dar as grazas ao conxunto do sistema universitario galego por deseñar conxuntamente coa Xunta de Galicia “unha rede de investigación e desenvolvemento tan significativa”.
Unha vista que "pon en valor o que se está a facer neste centro"
Desde a Universidade de Vigo, o seu máximo responsable, Manuel Reigosa, amosou a súa satisfacción por unha visita que “pon en valor o que se está a facer neste centro, un dos máis potentes de Galicia e que agardamos que, en breve, sexa quen de competir a nivel estatal e tamén internacional”. Neste senso, o reitor fixo fincapé en que os resultados que están a acadar os grupos de investigación do CINBIO son “nomeadamente importantes, ocupando moitos deles lugares de preeminencia dentro do concerto internacional da ciencia”.
Neste senso, reiterou a idea de que unha estrutura como o CINBIO permite facer moitas cousas que os grupos a nivel individual non serían quen de facer. A maiores, Reigosa referiuse tamén aos centros Cigus como “un acerto” da Xunta. “Valoramos de xeito moi positivo contar xa con tres centros de excelencia e estamos a traballar para ter dous máis: o centro propio Cintecx e o interuniversitario Ecobas.
Correa, Rodríguez e Reigosa
Pola súa banda, Miguel Correa, director do CINBIO, manifestou a alegría do persoal do centro pola visita do conselleiro, “xa que se trata do mellor xeito de ensinar que o diñeiro público que se emprega en nós está ben empregado”. Reiterou así a idea de que este tipo de visitas permiten visibilizar o traballo que levan a cabo os distintos grupos de investigación, os equipos dos que dispoñen, que tipo de tarefas fan… “En resumo, é a mellor maneira de xustificar que o diñeiro dos impostos está aquí ben xustificado”.
16,5M€ captados en proxectos internacionais en apenas tres anos
Lugar de acubillo dunha quincena de grupos de investigación, o CINBIO centra a súa axenda científica na área dos nanomateriais, no estudo da aplicación de propiedades ópticas, magnéticas, catalíticas, térmicas e de transporte en diferentes nanomateriais e sistemas. No que respecta á biomedicina, as liñas prioritarias de investigación inclúen o estudo de biomarcadores, terapias avanzadas e as bases moleculares das enfermidades, co obxectivo de deseñar novas terapias e tratamentos que aproveiten o potencial da nanotecnoloxía. Entre outros aspectos, a traxectoria excelente deste centro queda reflectida en máis de 600 publicacións que se realizaron no período 2020-2023, o 58% delas en coautoría internacional, ou nos 16,5M€ captados en proxectos competitivos internacionais nese mesmo período.
Isabel Pastoriza e o conselleiro
Miguel Correa e o conselleiro
Na súa visita polo centro o conselleiro visitou nesta ocasión os laboratorios do grupo de Química Orgánica, Orchid, dirixido polo profesor Ángel Rodríguez de Lera; o grupo de Nanomateriais Funcionais, FunNanoBio, liderado por Isabel Pastoriza; TeamNanoTech, de Miguel Correa, e o de Nanomateriais Biométicos, BioMiMat, dirixido polo catedrático Luis Liz Marzán, referente internacional no eido da biomedicina e que está a liderar un proxecto no que se emprega a impresión 3D para construír unha estrutura na que poidan crecer células tumorais co obxectivo final de que os resultados obtidos permitan avanzar cara unha medicina personalizada.
Fonte: DUVI