GL EN

Novas

05 decembro 2023Tres investigadores do CINBIO captan financiamento da Xunta pola súa traxectoria excelente

A Xunta de Galicia financiará tres proxectos de investigación liderados polas investigadoras e o investigador do CINBIO Laura Salonen, Sandra Rivas e Ramón Novoa. Cada un deles recibirá 115.000 euros, o que pon de relevo a importancia do papel do personal deste centro de investigación especializado en Nanomateriais e Biomedicina nas propostas presentadas a unha convocatoria coa que o goberno galego busca impulsar a excelencia e dar estabilidade ao persoal científico que exerce en Galicia.

Sandra Rivas, investigadora do Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, porá en marcha o proxecto Biorrefinerias multiproduto: desenvolvemento de estratexias de proceso para o aproveitamento e valorización de biomasa lignocelulósica (BioMultiPro). É un traballo dirixido ao desenvolvemento de procesos de biorrefinería que permiten a separación selectiva e a valorización individualizada dos constituíntes da biomasa forestal (eucalipto e toxo), nun abano de produtos de calidade contrastada a través de tecnoloxías respectuosas cos principios de desenvolvemento sostible en nun contexto de bioeconomía circular. “Este proxecto de reforzo de traxectorias emerxentes proporcióname a posibilidade de impulsar e afianzar a liña de investigación que desenvolvo, así como establecer novas redes de colaboración”, recalca a investigadora.

Laura Salonen, investigadora do grupo Nanomateriais Híbridos, porá en marcha o proxecto Chiral covalent organic frameworks from propeller-shaped monomers (Chiramel), dirixido ao desenvolvemento de redes orgánicas covalentes quirais. “O obxectivo é que poidamos obter unha proba de concepto de uso a estes materiais para catálese que nos axude a obter financiamento de outros programas nacionais ou europeos”, explica a investigadora, satisfeita porque este financiamento lle permitirá tamén contratar un estudante de doutoramento durante un ano.

Ramón Novoa, forma parte do grupo de Química Orgánica (ORCHID). Con esta axuda porá en marcha o proxecto Miméticos precisos de proteoglicanos a partir de bloques naturais para rexeración de cartílago, dirixido a desenvolver unha terapia para o tratamento de lesións causadas por osteoartritis, unha enfermidade que causa dores e incapacidade a millóns de persoas no mundo e que actualmente non ten cura. “O noso proxecto segue a estratexia coñecida como enxeñaría de tecidos. Crearemos un ambiente adecuado para que as células nai autólogas, xeradas in situ mediante procedemento estándar en hospitais, se transformen en novo tecido de cartílago”, explica o investigador, quen engade que se trata dun proxecto multidisciplinar polo que se incluíron no equipo biólogos do instituto de investigacións sanitarias das illas Baleares, do grupo de Manuel Gómez Florit. “Este apoio da Xunta supón para min a posibilidade de complementar de maneira moi adecuada o meu contrato Ramón y Cajal e así poder continuar en Galicia a liña de investigación que empecei nos meus anos como investigador fóra de España, concretamente en Alemaña e Portugal”.

Fonte: DUVI