Novas
Nanomedicina, cancro e novas terapias avanzadas serán algunhas das temáticas principais
Vigo reúne máis de cen investigadores na 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida
O congreso NALS 2026, organizado polo CINBIO, celebrouse do 11 ao 13 de marzo na sede de Afundación ABANCA e contará con
Vigo converteuse nun punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida (NALS 2026). O evento, organizado pola Universidade de Vigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), desenvolveuse dende o día 11 ata o 13 de marzo na sede de Afundación ABANCA en Vigo e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.

O congreso inaugurouse o mércores 11 cun acto institucional que deu o pistoletazo de saída ás tres xornadas de actividades científicas. Na apertura participaron representantes da organización e das institucións implicadas, como Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mª Carmen Blanco López, presidenta da Asociación NALS e profesora da Universidade de Oviedo; Miguel Ángel Correa, director do CINBIO; así como as investigadoras do mesmo centro, Verónica Salgueiriño e Lorena García Hevia, que destacaron a relevancia de encontros como este para impulsar a colaboración internacional e avanzar na investigación.

O NALS 2025 mantivo a liña das edicións anteriores, apostando por un alto nivel científico e por facilitar a participación da comunidade investigadora máis nova. Segundo explica Verónica Salgueiriño, unha das organizadoras, “a intención é consolidar un espazo de intercambio científico accesible e de referencia no ámbito da nanomedicina”.
Nanomateriais ao servizo da saúde
A temática central do congreso, tal e como indica o seu nome, xirou arredor dos nanomateriais aplicados ás ciencias da vida, un campo interdisciplinar que combina química, física, bioloxía e medicina para desenvolver novas ferramentas diagnósticas e terapéuticas.
Entre os relatorios plenarios figuraron especialistas recoñecidos internacionalmente que abordaron cuestións como a nanomedicina aplicada ao cancro pediátrico, o estudo dos procesos de metástase, os materiais plasmónicos para monitorizar actividade tumoral ou o uso de micro-robots en saúde reprodutiva.
Participaron investigadoras e investigadores como María Blanco Prieto (Universidade de Navarra), Jacky Goetz (Universidade de Estrasburgo), Luis Liz Marzán (CINBIO e CIC Biomagune), Teresa Pellegrino (Instituto Italiano de Tecnoloxía de Xénova), María Jesús Vicent (Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia) e Mariana Medina Sánchez (CIC Nanogune).

Un espazo para crear redes científicas
A maior parte das persoas participantes procederon de España, aínda que tamén houbo investigadores do norte de Portugal e doutros países europeos como Alemaña, Italia, Luxemburgo ou Grecia.
Máis alá das sesións científicas, o programa do congreso estivo pensado para favorecer a interacción entre as persoas participantes. “Confiamos en xerar un ambiente no que as persoas máis novas poidan achegarse a investigadores de recoñecido prestixio, facer preguntas e discutir as súas ideas”, explicou Salgueiriño. “Queremos que lles sirva para atopar referentes e para iniciar novas colaboracións científicas”.
Neste sentido, unha parte importante do público do congreso estivo formada por estudantes de doutoramento, para quen a organización buscou crear un contexto propicio para o intercambio de coñecemento: “un dos maiores desafíos foi manter un alto nivel científico sen incrementar as cotas de inscrición, especialmente para o alumnado de doutoramento, cuxa taxa se sitúa en 200 euros”
“O congreso busca ser un punto de encontro para compartir coñecemento, conectar persoal investigador e impulsar novas ideas na intersección entre nanomateriais e ciencias da vida”, resume Salgueiriño.