GL EN

Novas

23 xullo 2024Visita ao CINBIO das rapazas e rapaces do campamento de verán de APAMP

Hai aproximadamente un ano, un grupo de científicas do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, achegábase ata as instalacións da Ludoteca Inclusiva da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP) en Vigo para coñecer en primeira persoa á cativada que estaba a desfrutar do seu campamento de verán e compartir con todas e todos eles unha mañá diferente, na que o obxectivo fundamental era descubrir a ciencia dun xeito divertido e inclusivo.

A experiencia foi tan enriquecedora que este luns foron as e os usuarios do campamento de APAMP os que visitaron o CINBIO para desfrutar dunha mañá diferente, chea de ilusión e de ciencia, divertida e inclusiva para todas as mentes curiosas. Acompañados polas monitoras da Ludoteca Inclusiva, un total de 13 de rapaces e rapazas, de entre 12 e 21 anos, visitaron o centro de investigación, polo que fixeron un percorrido ao longo de dúas horas.

As participantes e participantes realizaron un percorrido polas instalacións do CINBIO

Divididos en dous grupos, participaron en experimentos sensoriais organizados polas científicas Nuria Estévez, do grupo de Filoxenómica, Silvia Lorenzo, do grupo de Inmunoloxía, e Mercedes Peleteiro, responsable do servizo de Citometría do CINBIO. Seguindo as súas explicacións, achegáronse á identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón, e mesmo realizaron a extracción de ADN a partir de mostras de plátano.

No obradoiro de extracción de ADN a partir de mostras de plátano

Un intre do obradoiro de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón

“Valoramos moi positivamente experiencias coma esta, nas que todas as persoas implicadas aprendemos algo novo e positivo”, afirma o equipo deste centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER, que agarda poder seguir achegando a ciencia a todo tipo de públicos.