Novas
“Walking together in innovation”, así se titula o vídeo promovido polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e protagonizado pola investigadora do grupo de Filoxenómica do mesmo centro, Loretta de Chiara, e inventora dun método non invasivo para o diagnóstico do cancro colorrectal e adenomas avanzados en pacientes asintomáticos, ademais de confundadora dunha spin-off. Ela é a protagonista dun dos dez vídeos finalistas no certame de vídeos internacional organizado pola World Intellectual Property Organization (WIPO) para conmemorar o Día Mundial da Propiedade Intelectual (26 de abril), que este ano se celebrou baixo o lema "As mulleres e a Propiedade Intelectual: Acelerando a innovación e a creatividade”.
África González, Diana Valverde, Herminia Domínguez, Verónica Salgueiriño, María Formoso, María Dolores Torres e Noelia Flórez, tamén científicas de CINBIO, forman parte deste vídeo que visibiliza as súas achegas no diagnóstico de diferentes enfermidades, así como as súas invencións de tratamentos para diversos problemas relacionados coa saúde humana.
A mensaxe do vídeo é clara: a innovación é importante en investigación, polo que debemos fomentar a imaxinación e a creatividade das nenas máis novas, que serán as inventoras do futuro.