GL EN

Novas

05 setembro 2023Arranca a nova edición do programa de divulgación científica 'Ciencia con C de CINBIO'

Un ano máis, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, celebra este mes de setembro o seu ciclo de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. O seu principal obxectivo é dar a coñecer ao público xeral as investigacións e a ciencia que se está a levar a cabo na actualidade neste centro, dando visibilidade ao seu traballo diario. A programación arrancou este luns pola tarde no centro da cidade de Ourense, cunha carpa informativa e lúdica, e continuará en Vigo os días 11 e 15 de setembro.

Con esta iniciativa, o CINBIO quere compartir unha vez máis a ciencia coa sociedade en xeral, para que calquera persoa poida acceder de primeira man ao proceso de xeración de coñecemento na investigación. Trátase dunha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional: Unha maneira de facer Europa.

Carpa en Ourense

A rúa do Paseo da cidade de Ourense acolleu estes luns, de 16.00 a 20.00 horas, o inicio desta programación cunha carpa destinada a que o público interesado puidese coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación como o CINBIO. Ademais do seu persoal de xestión, tamén estivo a pé de rúa persoal investigador do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), que amenizaron a tarde das e dos visitantes con xogos e experimentos como a creación de “boliñas de cores” a partir de alxinato, un composto que se obtén a partir de algas; un “xogo de maxia” a través do uso de polímeros hiperhidratables ou a demostración dunha “hipnose falsa” xirando un disco que satura os receptores do cerebro do movemento.

Carpa e xornada de portas abertas en Vigo

O vindeiro luns 11 de setembro a programación de Ciencia con C de CINBIO achegarase ao público vigués. Entre as 16.00 e as 20.00 horas, as persoas interesadas poderán visitar a carpa habilitada polo CINBIO na rúa do Príncipe da cidade de Vigo e pasar unha tarde diferente, coñecendo o labor do persoal investigador do centro e participando nunha pequena xincana científica ou experimentos similares aos de Ourense, ademais de gañar algún que outro premio.

A programación culminará o día 15 de setembro coa celebración da Xornada de Portas Abertas no CINBIO. Arredor das 16.00 horas, este Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina abrirá as súas portas e as súas instalacións do campus universitario de Vigo a arredor de 70 persoas, que poderán visitar de balde e ao longo de tres horas os distintos laboratorios do centro e participar en experimentos organizados polas súas investigadoras e investigadores. Para poder asistir é necesario reservar praza a través dun formulario dispoñible na páxina web do CINBIO. 

Esta nova publicouse en diferentes medios de comunicación como: