GL EN

Novas

05 setembro 2024‘Ciencia con C de CINBIO’ estrea a súa nova edición este xoves en Ourense

Comeza un novo curso e, como vén sucedendo nos últimos anos por estas datas, o persoal investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, sairá á rúa e abrirá as portas dos seus laboratorios para celebrar unha vez máis o seu ciclo de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. O equipo promotor desta iniciativa ten un obxectivo claro: “dar a coñecer ao público xeral a ciencia que se está a desenvolver na actualidade neste centro, ademais de dar visibilidade ao traballo diario do equipo humano que fai todo isto posible”, afirma o director do CINBIO Miguel Correa. A programación de actividades arranca este xoves pola tarde cunha carpa informativa e lúdica instalada no centro da cidade de Ourense, e continuará en Vigo con outras dúas sesións os días 10 e 13 de setembro. Trátase dunha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea (FEDER).

Carpa lúdica a pé das rúas de Ourense e Vigo

A programación arrancará con dúas actividades, previas á xornada de portas abertas, a través da instalación dunha carpa informativa e lúdica nas céntricas rúas do Paseo, en Ourense, e do Príncipe, en Vigo. Entre as 16.00 e as 20.00 horas do xoves 5 e do martes 10 de setembro, respectivamente, o público interesado poderase achegar para coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación como o CINBIO, especializado en nanomateriais e biomedicina. Xunto ao persoal de xestión do centro, tamén estarán a pé de rúa científicas e científicos de grupos de investigación como o de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), que ofrecerán ao público ourensán divertidos experimentos con algas empregando os seus biopolímeros para a formulación de diferentes matrices xelificantes (desde esferificacións de alxinatos de cores a posibles películas/films comestibles). Pola súa banda, as persoas visitantes da carpa de Vigo terán a oportunidade de participar nunha pequena xincana científica e mesmo gañar algún que outro premio tras xogar na ruleta científica.

Xornada de portas abertas no campus universitario de Vigo

O 13 de setembro poñerase fin a este ciclo de divulgación científica coa que é a súa actividade estrela: a xornada de portas abertas do CINBIO. Arredor das 16.00 horas o centro de investigación abrirá as portas das súas instalacións no campus universitario de Vigo para recibir a arredor de 70 persoas, inscritas previamente, que ao longo dun percorrido de aproximadamente tres horas terán a oportunidade de experimentar coa ciencia e conversar co persoal investigador nos seus propios laboratorios. Para poder asistir a esta xornada é necesario reservar praza a través do formulario que xa está dispoñible na páxina web do CINBIO.

Imaxe da Xornada de Portas Abertas de 2023

TeamNanoTech (TNT), Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica, Neurocircuits, Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat) e Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM) son os grupos que participarán nesta nova edición da xornada de portas abertas do CINBIO, ofrecendo sinxelas demostracións prácticas como un obradoiro ‘o ADN nas túas mans’  e outro sobre a aplicación da IA no ámbito biomédico, así como unha presentación do asombroso mundo das nanopartículas.

Un dos obradoiros da Xornada de Portas Abertas de 2023