Novas
Visibilizar a importancia da investigación para mellorar a vida dos pacientes con cancro e seguir avanzando na personalización dos tratamentos e na consecución de terapias eficaces. Estes foron os principais obxectivos cos que o CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, e a Asociación de Sarcomas Grupo Asistencial, ASARGA, celebraron este mércores unha xornada conxunta para conmemorar o Día Mundial da Investigación en Cancro.
Tal día como hoxe, 24 de setembro, esta data conmemórase anualmente desde 2016 para impulsar a investigación en cancro en todo o mundo a través dun movemento internacional promovido por asociacións de pacientes como a AECC (Asociación Española Contra el Cáncer), a American Association for Cancer Research (AACR) ou Cancer Research UK (CRUK). Así, esta mañá, persoal investigador especializado neste ámbito e asociacións de pacientes uniron forzas nunha xornada acollida polo CINBIO co fin de visibilizar a necesidade de incrementar a financiación, tanto pública como privada, para mellorar a supervivencia das persoas que padecen esta doenza.

Benvida a cargo do director do CINBIO Miguel Correa
Tras unha agarimosa benvida por parte do director do CINBIO, Miguel Correa, que reivindicou o gran labor das asociacións de pacientes en colaboración coa comunidade científica, a investigadora e líder do grupo CellCOM, María Mayán, abriu o acto cun relatorio sobre os últimos avances en investigación en cancro e sarcoma. A investigadora do CINBIO ofreceu unha fotografía dos avances que, ao longo dos últimos 30 anos, foron incorporados á práctica clínica, como as terapias dirixidas e as inmunoterapias, logrando mellorar a supervivencia global desta enfermidade. A súa intervención rematou poñendo o foco nuns tipos de cancro dos que aínda se ten pouco coñecemento, como son os sarcomas, e nos que se centran varios proxectos do seu grupo de investigación. A través deles, buscan seleccionar os tratamentos aos que responde un determinado tumor e evitar terapias ineficaces, personalizando o tratamento a cada paciente.

A investigadora María Mayán durante o seu relatorio
Importancia da colaboración público-privada
Seguidamente, comezou a mesa redonda Investigación en cancro, baixo a moderación da xestora do CINBIO, Noa Caramés, e coa participacion da investigadora e líder do grupo de Inmunoloxía do mesmo centro, África González; da directora científica do IISGS, Eva Poveda; e do xerente do Cluster Sáude de Galicia, Iván Rarís. A necesidade de colaboración público-privada e da inclusión das asociacións de pacientes nas políticas de investigación foron puntos clave tratados nesta mesa debate.

Eva Poveda, África González, Iván Rarís e Noa Caramés durante a primeira mesa redonda
Precisamente, o papel das asociacións de pacientes en actividades e proxectos de investigación en cancro e sarcoma foi o foco principal do panel que pechou a xornada, contando coa participación de Mª Teresa Deus Trasobares, presidenta de ASARGA; Rosa Soliño, presidenta de Vigo Contra el Cáncer; e Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel. As representantes destas tres entidades destacaron que “actos coma este axudan a aumentar a conciencia social sobre o impacto do cancro” e coincidiron na súa reivindicación, reclamando que sexa a administración a que asegure unha investigación competitiva e continuista, para que a investigación en determinados tipos de cancro non dependa do traballo das asociacións de pacientes.

Natalia Dieste, Rosa Soliño e Teresa Deus na segunda mesa redonda
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FondosEuropeos #CIGUS