Novas
Celebrarase a fin de semana do 20 e 21 de abril de 2024, coa colaboración da FECYT.
Os centros educativos interesados en participar poden inscribir os seus proxectos científicos ata o 31 de xaneiro
Comeza a conta atrás para celebrar unha nova edición do festival científico CinVigo, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter as rúas e prazas de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía, e no que o alumnado de ensino medio será o protagonista. Repetindo “Ciencia na rúa” como lema, durante a fin de semana do 20 e 21 de abril de 2024, o centro de Vigo acollerá este evento de divulgación científica que ofrecerá unha completa oferta de actividades ao público asistente: desde visitar os proxectos científicos que concursan na feira científica ata participar activamente noutras accións divulgativas, como os obradoiros científicos para público infantil ou unha xincana científica.
“O que pretendemos con esta iniciativa é trasladar á cidadanía o interese pola ciencia, e fomentar que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en nanomateriais e biomedicina”, salienta Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia de Innovación.
Estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, protagonistas da feira científica
Ao igual que sucedeu na pasada edición, a atracción principal de CinVigo será a feira científica, que contará coa participación de estudantes de Secundaria, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional, converténdose en científicas e científicos. En agrupacións de máximo catro estudantes, terán a oportunidade de amosar os seus proxectos científicos e ofrecer explicacións sobre os mesmos ao público que visite a feira ao da fin de semana.
Os proxectos participantes na feira científica serán seleccionados previamente por un comité científico formado por persoal do CINBIO, a través dun concurso aberto a centros educativos de toda España, que impartan Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Será posible participar a través de tres niveis ou categorías que contarán con atractivos premios como unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estancia no CINBIO. O alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos poderá optar á categoría Teen Researchers; mentres que o estudantado do primeiro e do segundo ciclo de Secundaria poderán participar nas categorías Early Researchers ou Young Researchers, respectivamente. O alumnado seleccionado nesta fase previa, organizado en grupos de ata catro persoas e co apoio docente dos seus centros educativos, deseñará os seus propios proxectos científicos, que finalmente mostrará e defenderá ante o gran público.
O prazo para inscribirse no concurso previo está aberto ata o mércores 31 de xaneiro. Os centros educativos interesados nesta iniciativa poden consultar as bases do concurso así como o formulario de inscrición na páxina web do evento.
Primeira edición de CinVigo
A primeira edición do festival científico CinVigo, celebrado en abril de 2023, acadou unha participación de máis de 260 concursantes de 27 centros educativos de Galicia, que presentaron un total de 55 proxectos científicos, atraendo a máis de 35.000 visitantes nunha fin de semana.
“Nesta segunda edición queremos ampliar horizontes e chegar a máis centros educativos, tanto de Galicia como doutras comunidades”, explica Correa, quen engade que “o obxectivo é achegar a investigación a máis públicos e facer de CinVigo un evento científico anual de referencia”.
Esta nova foi rexistrada en varios medios de comunicación: