Novas
A ciencia sae este luns dos laboratorios e das aulas para instalarse nos bares vigueses coa celebración dunha nova edición de Pint of Science, o festival internacional de divulgación científica que, no caso vigués, se desenvolverá ata o mércores nos locais De Catro a Catro e El Castro. Investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo terán un papel protagonista nun programa que reúne 14 charlas gratuítas arredor de cuestións como a saúde, o medio ambiente, a intelixencia artificial, a química, a lingüística ou a tecnoloxía.
Participa persoal investigador de centros como CINBIO, atlanTTic, Cintecx, CIM ou o instituto de investigación iLingua, e entre todas e todos achegarán ao público os seus traballos nun formato próximo e distendido, co obxectivo de fomentar o diálogo directo entre a comunidade científica e a cidadanía. A programación desenvolverase cada día a partir das 19.30 horas.

Actividades ata o mércores
A primeira xornada, hoxe luns, desenvolverase de maneira paralela nos dous locais participantes. En De Catro a Catro os profesores da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas González e Ana Iglesias Pérez, investigadores do instituto iLingua da UVigo, impartirán as charlas O galego de Vigo e o galego en Vigo e De Galicia ao mundo: tradución e comercio. Mentres, no bar El Castro celebrarase tamén unha dobre sesión da man de Sara Cameselle e Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas, CSIC, coas charlas Pode un algoritmo entender a ría de Vigo? e O mexillón non é tonto.
Mañá martes a programación continuará cunha nova sesión dobre nos dous locais participantes. No bar El Castro, as charlas estarán centradas na saúde, a biomedicina e os desafíos da investigación actual, mentres que no Café De Catro a Catro o público poderá achegarse a diferentes investigacións relacionadas coa química, os materiais, a tecnoloxía e a innovación científica. Ademais, ás 17.30 horas, este mesmo espazo acollerá a primeira edición viguesa de Pint Kids: Ciencia miúda, unha proposta dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos na que participarán as investigadoras da UVigo Raquel Nogueira, coa charla Comida lista, ciencia lista: seguridade no teu prato, e María Pazo Rodríguez, que ofrecerá a actividade Ciencia para coidar a auga do futuro.
A programación pecharase o mércores 20 de maio con sesións centradas nos retos científicos e tecnolóxicos do futuro. Entre as intervencións destaca a da investigadora María Mayán, líder e investigadora do grupo CellCOM do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e pertencente á Rede CIGUS), que abordará os avances máis recentes na investigación do cancro, os baleiros de coñecemento que aínda persisten e os grandes desafíos pendentes para lograr convertelo nunha enfermidade crónica. Tamén participará Saida Ortolano, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, cunha charla sobre enfermidades raras e a súa relevancia para comprender mellor outros procesos biolóxicos e enfermidades máis frecuentes. Xunto a elas, o programa incluirá relatorios relacionados coa sustentabilidade, o medio ambiente, a innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, mantendo o espírito divulgador e próximo que caracteriza a Pint of Science.

Celebración simultánea en 114 cidades e vilas de todo o país
Ao longo destes tres días o festival gratuíto de ciencia en bares Pint of Science España levará un total de 1.300 investigadores e investigadoras a 114 cidades e vilas. Con máis dun milleiro de eventos repartidos en decenas de localidades, o festival aposta este ano por reforzar a súa presenza en contornas menos poboadas, levando a ciencia a bares de 29 áreas rurais que participan por primeira vez a través de charlas divulgativas, monólogos e experimentos nunha linguaxe sinxela e nun ambiente próximo e participativo. Tras cada sesión, o público poderá interactuar directamente cos científicos y científicas, favorecendo un diálogo aberto e accesible que satisfaga todas as súas preguntas e sede de ciencia.
Fonte: DUVI
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adstrico á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos