Novas
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, pertencente á Rede CIGUS, acolleu este mércores a xornada de presentación da primeira edición da Business Factory BioTrack, un programa de aceleración avanzada en biotecnoloxía e ciencias da vida promovido por Bioga en colaboración co Igape e XesGalicia, dentro das Business Factory da Xunta de Galicia.
Neste encontro aberto a persoal investigador do centro, representantes de empresas, startups, spin-offs e profesionais da Universidade vinculados á transferencia de coñecemento e ao emprendemento innovador, a apertura institucional correu a cargo de Ángeles López Lozano, directora técnica da Oficina de I+D da UVigo; a xestora do CINBIO, Noa Caramés; e Pablo Quinteiro Bernal, en representación de Bioga. Durante a sesión presentáronse os obxectivos, requisitos e características desta iniciativa, orientada a conectar solucións biotecnolóxicas xa validadas coas necesidades da industria, facilitando a súa chegada ao mercado mediante o contacto con empresas tractoras do sector, co fin de que podan poñerse a proba en contornas reais. As persoas asistentes puideron coñecer tamén o proceso de candidatura e resolver dúbidas nunha quenda de preguntas posterior á presentación.

Na procura de solucións de base científico-tecnolóxica
A primeira edición da Business Factory BioTrack, centrada no reto Solucións innovadoras para unha bioeconomía saudable e sostible, busca solucións de base científico-tecnolóxica que xeren novos produtos e procesos de maior valor para a industria, arredor de tres eixes principais: a biotecnoloxía aplicada á produción e alimentación sostibles; biotecnoloxía para novas vías de valorización; e as tecnoloxías habilitadoras para a biomedicina e o desenvolvemento de fármacos.

A convocatoria para participar nesta primeira edición permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de outubro e través dela seleccionaranse ata oito proxectos, que accederán a un itinerario de aceleración de ata doce meses con mentorización especializada, formación, conexión con persoal investidor, ademais da posibilidade de desenvolver probas de concepto con empresas do sector. Ademais, os proxectos poderán optar a axudas económicas de ata 30.000 euros por proxecto.