Novas
A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “reverter a histórica ausencia das mulleres no imaxinario científico, un fenómeno que non só supón unha inxustiza social, senón tamén unha perda colectiva”.
O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.
Dez historias, dez referentes
Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a sociolingüística, a bioloxía, a enxeñaría química, a biomedicina, as belas artes, a física aplicada, a economía, o dereito ou a informática. “Quixemos reflectir que as traxectorias son únicas e persoais, e que cada decisión profesional está atravesada por múltiples factores. Non hai un único xeito de chegar á investigación, é un camiño individual e diferente en cada caso”, subliñan dende a UCC+i.

María Mayán, líder do grupo CellCOM do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS), é unha das dez protagonistas desta nova entrega do catálogo. A súa historia comezou “entre a vontade e o azar”. Tranquila, sociable, estudosa, sinala que de nena lle gustaba deixarse levar pola imaxinación e que “non sentía unha chamada especial polas ciencias”. No seu relato tamén figura unha mensaxe para as nenas e mozas de hoxe: que poden ocupar “calquera espazo que se propoñan”. Pola súa banda, a profesora de Belas Artes Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes confesa que de nena lle gustaba a bioloxía e que soñaba con ser astronauta para “ver o mundo dende fóra”. Mentres, a física Maite Rodríguez DeCastro (CIM-UVigo), lembra que, á hora de escoller un camiño profesional, valorou positivamente varios aspectos da carreira investigadora, como desenvolver tarefas moi diversas ou manter unha formación continua.
Novos recursos educativos
Seguindo a liña da edición anterior, Quero ser investigadora incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.
O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. Complétase cunha guía didáctica e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma Genially, concretamente unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo.
Fonte: DUVI