GL EN

Novas

15 maio 2025O CINBIO Annual Meeting ultima os preparativos da súa 8ª edición

Celebrarase os días 10 e 11 de xullo no museo MARCO de Vigo

Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future”. Baixo este lema o xa consolidado CINBIO Annual Meeting celebrará o vindeiro mes de xullo a súa oitava edición, renovando o seu firme propósito de visibilizar as novas ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicas e científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en diferentes áreas como a Química, Física, Bioloxía, Medicina, a Nanotecnoloxía e a saúde. Temáticas de discusión que coinciden coas principais liñas de investigación do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade, que por oitavo ano consecutivo será o anfitrión desta iniciativa.

A VIII edición deste encontro internacional celebrarase os días 10 e 11 de xullo no museo MARCO de Vigo, un emprazamento que revela unha das principais novidades deste ano. “Queremos achegar o evento ao centro da cidade e conseguir que o Annual Meeting siga crecendo en participación”, comentan desde o comité organizador, composto por once investigadoras e investigadores e unha técnica do CINBIO. Entre eles, Carlos Renero, quen subliña que un dos puntos fortes do evento é a súa multidisciplinariedade, sendo “unha oportunidade única para que estudantes de doutoramento e persoal investigador de prestixio en ramas como a Nanotecnoloxía e a Biomedicina coincidan nun mesmo espazo, presenten o seu traballo e intercambien ideas que poden ser o xermolo de futuras colaboracións”.

Parte do comité organizador do VIII CINBIO Annual Meeting

“Este ano contamos cunha participación máis elevada tanto no comité organizador como no comité científico, que será o encargado de avaliar os relatorios e os pósters presentados durante os dous días do congreso”, comentan Valeria Zoni y Noelia Flórez, subliñando que tanto o equipo organizador como o persoal que forma o comité científico participa de forma voluntaria co fin de mellorar a calidade das conferencias en cada edición.

O prazo de inscrición para asistir ou participar cun relatorio estará aberto ata o 30 de maio. As persoas interesadas poden acceder ao formulario de inscrición a través da web do evento, onde tamén se publicará o programa definitivo.

Nanomateriais e Biomedicina serán o foco das sesións

A selección de persoas relatoras e panelistas céntrase nas dúas grandes áreas de investigación do CINBIO: os Nanomateriais e a Biomedicina. Aínda que o programa non está pechado, cabe destacar a participación de científicas e científicos de prestixio como Clemént Sánchez, director do Laboratorio de Química da materia condensada na Universidade Pierre y Marie Curie (Sorbonne Université-UPMC) ou Annemiek van Spriel, da Universidade Radboud en Países Baixos, que serán os encargados de abrir as sesións cada día.

O comité organizador desta oitava edición estima unha participación de preto de 150 persoas, tendo en conta os datos acadados nas pasadas edicións, que contaron coa presenza de persoal investigador da Universidade de Vigo (especialmente do  CINBIO) e doutros centros de investigación de Vigo (IEO-CSIC, IISGS) e outras institucións de Galicia (USC, IDIS, UDC); así como de Portugal (INL, Universidade de Minho, Universidade de Porto).