GL EN
Twitter bSky

Novas

20 xullo 2026O IX Annual Meeting do CINBIO reúne en Vigo arredor de 200 investigadores para explorar os avances que están a transformar a biomedicina e a nanotecnoloxía

O encontro, organizado por persoal posdoutoral do centro e celebrado hoxe e mañá no Edificio de Ciencias Experimentais do Campus de Vigo,  ofrece conferencias, charla curtas e unha exposición de pósters científicos 

Arredor de 200 investigadores e investigadoras, estudantes de doutoramento e profesionais procedentes de diferentes institucións académicas tanto nacionais como internacionais participan desde hoxe no IX CINBIO Annual Meeting, a reunión anual do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, que se celebra este luns e martes no Edificio de Ciencias Experimentais do campus universitario de Vigo. Organizado por persoal posdoutoral do propio centro, o encontro consolídase como espazo de intercambio científico arredor das dúas grandes áreas estratéxicas do CINBIO: a biomedicina e os nanomateriais. Ao longo das dúas xornadas presentaranse 58 pósters científicos,  ademais de ofrecerse oito conferencias a cargo de relatores e relatoras convidados, cuxas intervencións se intercalan coas denominadas short talks, nas que o estudantando de doutoramento terá ocasión de presentar os seus traballos. 

Baixo o lema Shaping the Future – Bond by Bond, Cell by Cell, esta novena edición busca reforzar a conexión entre disciplinas e fomentar o diálogo entre persoal investigador consolidado e novas xeracións científicas, poñendo o foco en ámbitos como a inmunoloxía, a neurociencia, os biomateriais, a química supramolecular, ou a nanotecnoloxía aplicada á saúde.  

A xuntanza arrancou esta mañá cun acto de apertura encabezado pola subdirectora do CINBIO, Diana Valverde, quen destacou a importancia dun evento que fai visible a fortaleza multidisciplinar do centro e a capacidade do persoal investigador para establecer sinerxías entre áreas aparentemente afastadas pero cada vez máis interconectadas. “Cremos que o progreso científico se constrúe paso a paso, a través da colaboración, da curiosidade e da integración de diferentes perspectivas. Todas e todos contribuímos a un obxectivo común: xerar coñecemento que mellore a vida das persoas”, subliñou no seu discurso. A organización corre a cargo dun comité organizador integrado por 12 investigadoras e investigadores posdoutorais, apoiados por un comité científico formado por 11 especialistas, asumindo o reto de deseñar un programa científico de alto nivel e orientado especialmente á promoción do talento investigador novo.  

Carlos Martín, protagonista da primeira conferencia plenaria 

Tras a inauguración, o primeiro relatorio da reunión chegou da man de Carlos Martí-Gastaldo, investigador do Instituto de Ciencia Molecular (ICMOL) da Universitat de València, que ofreceu a conferencia plenaria Programming Adaptive Chirality in Metal–Organic Frameworks. Tras a súa intervención, e ao longo das dúas xornadas do congreso, participarán tamén especialistas de referencia internacional como Agustin Mihi (ICMAB-CSIC), Ferrán Nadeu (Hospital Clínic de Barcelona), Paula Gómez (Hospital del Mar Medical Research Institute), Gustavo Fernández (University of Münster), Juan José Lasarte (Centro de Investigación Médica Aplicada, CIMA, Pamplona), Fiona Freeman (Universidade de Dublín), ou Mónica Giménez (ICMOL, Universidade de Valencia). Os seus relatorios permitirán coñecer avances recentes en inmunoterapia, investigación do cancro, fotónica, bioenxeñaría, nanotecnoloxía e química de materiais. 

Un espazo para dar visibilidade ao talento investigador novo 

Fiel ao espírito co que naceu en 2017, o Annual Meeting reserva un papel destacado ao persoal investigador en formación. O programa inclúe 20 comunicacións curtas presentadas por estudantes de doutoramento e persoal investigador novo, ademais de dúas sesións de pósteres destinadas a facilitar o intercambio de ideas, a discusión de resultados e o establecemento de novas colaboracións científicas.  

Desde a súa creación, este encontro converteuse nunha oportunidade para que mozos e mozas investigadoras presenten os resultados dos seus proxectos compartindo escenario con especialistas de recoñecido prestixio internacional. Ao mesmo tempo, a iniciativa contribúe a reforzar as sinerxías entre grupos de investigación, fomentar a colaboración entre centros e proxectar cara ao exterior o traballo desenvolvido no CINBIO.  

A reunión prolongarase ata mañá martes cun programa que combina relatorios científicos, sesións de discusión, presentacións curtas e actividades de intercambio profesional. Todo iso coa vontade de seguir consolidando o CINBIO Annual Meeting como unha cita de referencia para a comunidade científica vinculada á biomedicina e aos nanomateriais e como un escaparate da investigación de excelencia que se desenvolve na Universidade de Vigo.