Novas
O ciclo Ciencia con C de CINBIO 2022 celebrouse entre o 26 de setembro e o 14 de outubro, con diferentes actividades dirixidas a persoas de todas as idades.
A última semana de setembro comezamos con obradoiros científicos en varios institutos públicos de Vigo e contorna, onde o alumnado coñeceu o mundo da investigación a través de experimentos baseados no zume e nos cosméticos.
Repetimos os obradoiros científicos no programa "Autocoidado a conciencia", esta vez dirixidos a persoas de máis de 65 anos. Ademais, os asistentes a estes obradoiros puideron visitar o centro o 7 de outubro, onde participaron en diferentes charlas e actividades dos grupos TeamNanoTech, LabEndo e ORCHID.
Ese mesmo 7 de outubro pero en horario de tarde, membros do #teamCINBIO estiveron nuncha carpa informativa da Rúa do Príncipe en Vigo. Ademais, os transeúntes podían participar nunha xincana científica o utilizar as nosas gafas de realidade virtual. Esta actividade foi repetida o 10 de outubro en Ourense, concretamente na Rúa do Paseo.
Por último, o 14 de outubro foi o día que abrimos as portas do centro á sociedade en xeral. Arredor de 60 persoas puideron visitar os nosos laboratorios e asistir ás explicacións e experimentos do traballo dos nosos grupos. Os grupos participantes foron Neurocircuits, FunNanoBio, TeamNanoTech, Filoxenómica, ORCHID, GAME, SiDOR, SING e o Servizo de Bioexperimentacion.
No obradoiro de Nerocuircuits, co nome de "Neurocuircuitos fantásticos e onde atopalos", os asistentes puideron asistir a unha charla sobre os estudos de grupo, así como á recreación dun experimento con plataforma.
O grupo FunNanoBio fixo unha minipresentación do mundo das nanopartículas acompañada dun experimento de síntese de nanopartículas metálicas: o arco da vella metálico. Por outro lado, TeamNanoTech centrouse nunha primeira charla introdutoria sobre os nanomateriais, para logo facer a demostración da súa utilidade a través de varios experimentos.
No grupo de Filoxenómica os participantes tamén puideron extraer ADN a partir de mostras de plátano, mentres que como parte do obradoiro de ORCHID asistiron á síntese do nylon. O obradoiro do grupo GAME tamén foi moi participativo, xa que o público puido comprobar as respostas diferenciadas do material viscoelástico mediante a súa manipulación manual.
En canto aos grupos SiDOR e SING, ofreceron charlas sobre o mundo da estatística e da intelixencia artificial respectivamente. No Servizo de Bioexperimentación, o público achegouse un pouco máis ao traballo deste servizo.
Ademais, os participantes dunha das visitas puideron asistir de público á gravación do programa Efervescencia, no que participaron Diana Valverde, Verónica Salgueiriño, Isabel Pastoriza, Marina Peña e Miguel Correa. A visita rematou cun pequeno tentempié para os participantes, non sen antes participar nunha pequena xincana científica.
En defintiva, foi unha xornada chea de ciencia, diversión e aprendizaxe!