Eventos
A importancia de comunicar para saber transmitir
O xoves 7 de maio de 2026, as 11h na sala de seminarios de Torre CACTI, en CINBIO contaremos cun seminario sobre comunicación sobre "A importancia de comunicar para saber transmitir" impartido por Isabel Bravo periodista e licenciada en Ciencias da información.
Abstract: A comunicación eficaz é fundamental para transmitir coñecementos e resultados de investigación, especialmente ante os medios de comunicación. Saber comunicar permite captar e manter a atención do público, xa sexa oínte, lector ou espectador. Esta habilidade é clave en todos os ámbitos profesionais e resulta especialmente importante no ámbito médico e investigador. Con frecuencia, persoas con amplos coñecementos non logran expresalos adecuadamente, o que reduce o impacto da súa mensaxe. Por iso, dominar a comunicación é esencial para que a información relevante chegue de forma clara e efectiva.
Biografía
Isabel Bravo é xornalista e conta cunha traxectoria profesional de case corenta anos no ámbito da comunicación. Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu a maior parte da súa carreira en Radio Coruña Cadena SER, onde exerceu como redactora, editora e presentadora de distintos programas. Desde setembro do pasado ano atópase xubilada.
Ao longo da súa carreira, ademais de participar en espazos informativos, destacou pola dirección do programa “A Coruña opina”, o decano da radiodifusión galega e o segundo máis antigo a nivel estatal. Durante 25 anos, dirixiuno cada domingo ao mediodía, ofrecendo debates sobre temas de actualidade local, rexional, nacional e internacional cun enfoque próximo á cidadanía.
O seu traballo foi recoñecido en diversas ocasións. En 2011 recibiu o Primeiro Premio Xornalístico da Fundación Novoa Santos por unha reportaxe sobre o transplante dun ril dunha nai á súa filla, sendo a súa emisora a primeira de Galicia en seguir unha intervención deste tipo desde un quirófano. En 2020 foi galardoada co Premio “Somos Esenciais” do Colexio de Xornalistas de Galicia polo programa “Cuando las preguntas aún no tienen respuesta”, emitido nos primeiros momentos da pandemia da COVID-19. Ademais, obtivo un accésit no Premio Xornalístico Albarelo do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña por un programa dedicado á prevención do suicidio. En 2004 tamén foi recoñecida por UGT Coruña co seu premio polo Día Internacional da Muller Traballadora.
