GL EN

Novas

11 febreiro 202311F: As investigadoras do CINBIO reivindican a ciencia en feminino

Como cada febreiro, as investigadoras do centro de investigacións CINBIO sumáronse á conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11F) ofrecendo diferentes actividades dirixidas tanto a alumnado de Primaria e Secundaria como ao público en xeral, co obxectivo de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións.

Elas Fan CienTec en Vigo

O venres 10 de febreiro chegou un dos pratos fortes desta celebración coa sétima edición da iniciativa "Elas Fan CienTec". Contando coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, os laboratorios do CINBIO enchéronse de sorrisos para reivindicar a ciencia en feminino coa visita de 40 alumnas do IES A Guía (Vigo) e do IES Pedro Floriani (Redondela), que tiveron a oportunidade de participar activamente nos obradoiros organizados polas investigadoras do noso centro: desde a preparación de nanopartículas de ouro, ata a síntese de nanopartículas, o estudo das enfermidades raras, ata a estabilidade de nanofluidos, a precipitación de proteínas, ou a determinación do grupo sanguíneo.

As investigadoras dos grupos ORCHID, TeamNanoTech, Materiais Magnéticos, FunNanoBio, GAME, Inmunoloxía, Neurocircuits, do Laboratorio de Enfermidades Raras, do Laboratorio de Neurociencia e do servizo de Citometría do CINBIO foron as encargadas de impartir estes obradoiros e guiar ás rapazas ao longo de toda a mañá por un percorrido a través dos laboratorios do centro, que comezou coa benvida por parte da subdirectora do mesmo, Diana Valverde.

Aquí pódese consultar o álbum completo de fotos que resume como se desenvolveu esta xornada.

eXXperimenta en feminino en Ourense

O mesmo venres 10 de febreiro, as investigadoras do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible do CINBIO participaron cun stand na sexta edición da feira divulgativa coñecida como "eXXperimenta en feminino", impulsada por docentes e investigadoras do campus de Ourense e destinada tanto ao alumnado da provincia de Ourense como ao público xeral.

Ao longo de toda a xornada, as persoas que se achegaron ata a praza Obispo Cesáreo de Ourense tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo das nosas compañeiras, que amosaron no seu posto as materias primas, os produtos intermedios e produtos finais cos que traballan no seu grupo de investigación. 

Charlas en centros educativos con motivo do 11F

Ao longo do mes de febreiro varias compañeiras do centro de investigacións CINBIO visitaron cinco centros educativos de Galicia para achegar o seu traballo e a súa experiencia como científicas a preto de 400 estudantes. Estas charlas forman parte da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, á que o CINBIO se suma cada ano.

Noelia Flórez e Mª Dolores Torres, investigadoras do grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible, foron as encargadas de inaugurar este ciclo coa súa charla "As macroalgas e as súas propiedades biolóxicas", que impartiron de xeito virtual para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do IES Chamoso Lamas de O Carballiño. 

Pola súa banda, as investigadoras do grupo de Filoxenómica, Nuria Estévez  e Nair Varela, desenvolveron as súas charlas "O ADN nas túas mans" e "Mulleres e Ciencia" ante o alumnado de  Secundaria do Colexio Montesol e Colexio Divino Salvador, respectivamente, ambos situados na cidade de Vigo.

A ciencia tamén chegou a Ponteareas da man das investigadoras do grupo TeamNanoTech, Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, que ofreceron unha charla para estudantes de 3º e 4º de Primaria do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera baixo o título "Que son e para que serven as nanocousas".

Para pechar este conxunto de actividades, a nosa compañeira Mercedes Peleteiro, do servizo de Citometría de Fluxo do CINBIO, visitou o CEP Plurlingüe Igrexa-Valadares para charlar coas alumnas e alumnos de 6º de Primara, que tiveron a oportunidade de asistir á súa charla "Vacinación? Máis vale previr que lamentar...".