Novas
A científica Ramón y Cajal do CINBIO presentou en Nova Orleans os avances do seu grupo en COFs orientados á fotocatálise
A investigadora Ramón y Cajal Laura Salonen, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á rede CIGUS, vén de recibir o Early Career Researcher Award no congreso internacional MOF2026, unha das citas de referencia mundial no ámbito dos materiais porosos, celebrada en Nova Orleans durante o mes de maio. O galardón recoñece a traxectoria investigadora de mozos e mozas científicas cunha contribución destacada neste campo. Salonen agradece este recoñecemento, que considera “un impulso para continuar coa nosa liña de investigación” e que, subliña, “reflicte tamén o traballo colectivo dun equipo internacional integrado por persoas de cinco nacionalidades”.

No marco do congreso, Laura Salonen presentou os resultados do seu traballo sobre covalent organic frameworks (COFs) con sistemas π estendidos orientados á fotocatálise, unha tecnoloxía baseada no uso de luz para impulsar reaccións químicas sostibles. Os COFs son materiais cristalinos e porosos construídos integramente a partir de moléculas orgánicas unidas mediante enlaces covalentes fortes e constitúen unha das áreas emerxentes dentro dos materiais porosos.
O equipo liderado por Salonen traballa tanto con COFs como con MOFs en aplicacións relacionadas coa enerxía e o medio ambiente, cun interese especial por comprender as relacións entre estrutura e propiedades destes materiais. Entre os principais desafíos do ámbito continúan estando a escalabilidade da síntese e a estabilidade a longo prazo en condicións reais de uso. Neste contexto, a investigadora destaca que “existe a necesidade de profundar no estudo estrutural destes materiais para avanzar no desenvolvemento de aplicacións máis eficientes e viables”.

Foto de familia na entrega de premios
Un congreso de referencia mundial no avance dos MOFs e COFs
A edición de MOF2026 tivo ademais un carácter especialmente simbólico ao contar coa participación como convidados de honra de Omar Yaghi e Susumu Kitagawa, dous dos tres científicos distinguidos co Premio Nobel de Química 2025 xunto con Richard Robson polo desenvolvemento dos metal-organic frameworks (MOFs). Durante o encontro abordáronse cuestións clave para o futuro destes materiais, como a aplicación da intelixencia artificial nas distintas etapas do seu desenvolvemento, a escalabilidade dos procesos de síntese ou as súas aplicacións reais en ámbitos industriais e sociais. Outro dos aspectos destacados foi a importancia de avanzar na comprensión mecanística do comportamento destes materiais para favorecer a súa futura implementación.