Novas
O Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, volve ser desde este mércores o centro de acollida para a celebración dunha xuntanza científica internacional promovida polo consorcio de socios do proxecto europeo Twinflag (Twinning for Promoting Excellence, Ability and Knowledge to develop novel approaches for targeting inflammatory and degenerative age-related joint diseases). Un encontro no que se están a debater os últimos avances en investigación arredor do envellecemento e as enfermidades asociadas á idade, reforzando así a posición do CINBIO como centro de referencia en investigación traslacional e biotecnolóxica.
Financiado pola Unión Europea con 1,5 millóns de euros, Twinflag conta coa participación do grupo CellCOM, liderado desde o CINBIO pola investigadora María D. Mayán, e a University College de Dublín, en Irlanda. Baixo a coordinación do Centro de Medicina Innovadora (IMC) de Lituania, o principal obxectivo deste proxecto é o estudo e o desenvolvemento de novas terapias e métodos de diagnóstico temperán de patoloxías dexenerativas das articulacións, como a artrose.
A xuntanza do persoal que forma parte deste consorcio europeo prolongarase ata o día 21 de xuño, estruturada en varias actividades formativas entre as que destacan as sesións centradas en temáticas transversais como as oportunidades financiación en Europa, as estratexias no ámbito da comunicación científica ou a colaboración coa empresa. Así mesmo, persoal investigador do ámbito académico e empresarial a nivel tanto nacional como europeo tamén forma parte do programa a través de varios seminarios científicos.
Foto de das persoas participantes na xornada do venres
Actividades transversais e seminarios científicos completan a axenda
As actividades iniciáronse este mércores coa primeira das ponencias científicas a cargo da Dra. Antonella Bongiovanni, do Institute for Research and Biomedical Innovation, IRB-CNR e CEO de EVE Biofactory srl, en Palermo. A investigadora e emprendedora compartiu coas persoas asistentes a súa ampla experiencia no uso dunhas partículas que se obteñen de microalgas e teñen aplicacións terapéuticas e cosméticas para o transporte de fármacos.
Antonella Bongiovanni
Onte foi a quenda da formación en xestión cunha sesión para coñecer oportunidades de financiación europea, na que novamente participou a Dra. Antonella Bongiovanni, xunto con Lucía García, da empresa Zabala, e Eldara Cobo da unidade de xestión do CINBIO. Seguidamente teu lugar unha segunda sesión dedicada á comunicación no ámbito científico, que contou coa participación de Manuel Figueroa e Noelia Freire, de Ingenyus, e Juan Romero, de Science for Change, coa moderación de Lucía Calvo, do equipo de comunicación do CINBIO.
Lucía García, de Zabala
Sesión sobre estratexias de comunicación con Ingenyus e Science for Change
Este mañá continuou a formación en xestión da mano do CEO de Zendal, Andrés Fernández; o xerente do Clúster da Saúde, Iván Rarís; e a xestora do CINBIO Noa Caramés, entre outros; rematando a xornada cunha visita ao CINBIO.
María Mayán, Iván Rarís, Miguel Correa, Andrés Fernández e Diana Valverde
Noa Caramés, xestora do CINBIO
As actividades, abertas a toda a comunidade investigadora, continuaran a semana próxima
Os días 16 e 17 de xuño os seminarios correrán a cargo de David Posada e Verónica Salgueiriño do CINBIO, Ruta Aldonyte e Eiva Bernotien do IMC (Lituania), José Rivas (USC), Margaret McGee eAlfonso Blanco do University College (Dublin), e Celso Reis e Daniela Freitas do i3S (Porto), entre outros.
As xornadas terminarán o día 20 de xuño cunha sesión no CINBIO onde participarán os diferentes grupos do centro para presentar su traballo en formato de charlas de 5 minutos xunto cos membros do consorcio europeo do proxecto Twinflag. O obxectivo é fomentar as sinerxias entre os grupos e a colaboración e a participación en convocatorias nacionais e europeas.
O envellecemento, un dos maiores retos sanitarios de Europa
Este encontro enmárcase no contexto da crecente preocupación polo impacto do envellecemento poboacional, un dos maiores retos sanitarios en Europa. Estímase que a poboación maior de 80 anos multplicarase por seis para o ano 2100. En España, máis do 20% da poboación ten más de 65 anos, e enfermidades como a artrose e outras patoloxías da articulación supoñen un importante coste para o sistema sanitario, acadando o 0,5% do PIB nacional.
O CINBIO é un centro de investigación cofinanciado con fondos FEDER e adscrito á rede de centros CIGUS (Centros de Investigación del Sistema Universitario de Galicia), promovida e financiada pola Xunta de Galicia.
#teamCINBIO #FEDERGalicia #CIGUS