Novas
Con preto de 840.000 euros de orzamento, o proxecto prolongarase ata decembro de 2029
A integración dos Nanomateriais e da Biomedicina presenta desafíos complexos nos ámbitos da investigación e da innovación, funcionando con frecuencia de xeito illado a pesar da crecente necesidade de colaboración interdisciplinaria para resolver os problemas relacionados coa saúde mediante materiais avanzados. Superar esta fenda para poder acadar así avances significativos a nivel tanto científico como industrial é precisamente o principal obxectivo co que se pon en marcha o proxecto europeo NANO4TALENT (Programa postdoutoral de atracción de talento para impulsar a carreira investigadora no campo dos nanomateriais para biomedicina, do inglés “Post-doctoral talent attraction programme to boost research career in the field of nanomaterials for biomedicine”), unha iniciativa financiada con 477.600 euros pola Unión Europea a través dunha Acción Marie Skłodowska-Curie – Cofund do programa Horizonte Europa e coordinada polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, sendo Miguel Correa o seu investigador principal.
NANO4TALENT botou a andar en xaneiro deste ano e prolongarase ata finais de decembro de 2029, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo, outras 16 entidades asociadas de Italia, Francia, Alemaña, e Bélxica. A participación española inclúe a Universidad Miguel Hernández; as fundacións Gaiker, Biomédica Galicia Sur e Tecnalia; o Clúster de Acuicultura de Galicia, a Asociación para a Dixitalización da Industria e o DIH DataLife. Empresas españolas como BFlow, QUBIOTECH, IBONELAB, Diversa Technologies e Nanogap tamén forman parte do proxecto. Ademais, completan o consorcio entidades internacionais como Nanofaber, Institut Pasteur, Miltenyi Biotec e Nanotechnology Industries Association.
Un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia permitirá ao CINBIO completar os fondos necesarios para a contratación durante os cinco anos que dura este programa de atracción de talento. Precisamente, o Consello da Xunta aprobou este mesmo luns unha inversión de 360.000 euros para completar a financiación da UE conseguida polo centro vigués.
Un trampolín único para unha carreira investigadora de éxito
NANO4TALENT nace como un ambicioso Programa de Postdoutoramento transfronteirizo internacional que, a través de dúas convocatorias, ofrecerá un total de cinco prazas postdoutorias de 24 meses de duración cada unha, permitindo que as persoas beneficiarias poidan desenvolver os seus propios proxectos de investigación interdisciplinaria. As investigadoras e investigadores postdoutorais poderán definir libremente o seu proxecto, no que deberán estar involucrados polo menos dous grupos de investigación relacionados coas dúas áreas principais do CINBIO: os Nanomateriais e a Biomedicina.
Unha nova conexión entre os diferentes grupos de investigación que, motivada por NANO4TALENT, pretende reforzar a colaboración e posicionar o CINBIO como un centro internacional de referencia no ámbito dos nanomateriais aplicados á biomedicina. “Trátase dun trampolín único para preparar a investigadoras e investigadores posdoutorais para unha carreira de éxito nos sectores académico e privado europeos, orientada a postos de responsabilidade”, subliña o director do CINBIO Miguel Correa.
Dúas convocatorias de contratación e cinco prazas postdoutorais
A primeira das dúas convocatorias de contratación abrirá proximamente para ofrecer tres dos cinco postos postdoutorais. A segunda convocatoria, que abrirá o prazo de solicitude previsiblemente en marzo de 2027, ofrecerá as outras dúas prazas restantes. Entre os requisitos de acceso, as científicas e científicos non poderán ter residido máis de 12 meses en España durante os tres anos anteriores á formalización do contrato. O persoal investigador que resulte ser o beneficiario das bolsas poderá desenvolver o seu proxecto interdisciplinario ao longo dun período de 24 meses.
Ademais de consultar toda a información na páxina web do programa, as científicas e científicos interesados tamén poderán resolver as súas dúbidas no evento de lanzamento que terá lugar en modalidade virtual o mércores 25 de xuño. Proximamente anunciaranse todos os detalles de acceso a través da propia web e das redes sociais do CINBIO.