GL EN

Novas

04 maio 2023Continúan no CINBIO os seminarios prácticos para fomentar a transferencia e a innovación

Fomentar a transferencia e a innovación é o obxectivo fundamental que o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) persegue coa organización de seminarios prácticos que permiten ao persoal investigador do centro interactuar con empresas, coñecer de primeira man exemplos reais de como levar unha idea do laboratorio ao mercado e, ademais, coñecer novas tecnoloxías e experiencias emprededoras nas que inspirarse.

Dentro desta iniciativa formativa, esta mañá o CINBIO recibiu a Abi Vázquez, co-fundadora e Chief Operating Officer da spin-off DIVERSA Technologies, que visitou o noso centro para impartir un seminario práctico baixo o título de "Diversa, da academia á industria para maximizar o impacto". 

Abi Vázquez presentou a esta empresa galega de biotecnoloxía e de "drug delivery", fundada en Santiago de Compostela no ano 2022 como spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) e o Servizo Galego de Saúde, tras anos de investigación na Unidade de Nanooncoloxía e Terapéutica Traslacional que finalmente levaron ao desenvolvemento dun novo tipo de nanoemulsións lipídicas biodegradables e biocompatibles.

Ao longo do seminario, a co-fundadora de DIVERSA Technologies explicou como foi o proceso que lles permitiu levar a súa idea ata o mercado: desde o laboratorio, desenvolveron a tecnoloxía para poder asociar fármacos e biomoléculas complexas, patentárona e fundaron esta spin-off para poder chegar a desenvolver novos nanomedicamentos que poidan mellorar a vida dos pacientes.

O seminario rematou cunha breve experiencia "hands-on" coa que o persoal investigador do CINBIO tivo a oportunidade de achegarse aos reactivos de DIVERSA e comprobar a súa posible aplicación no traballo que se desenvolve no noso centro.