GL EN

Novas

10 xuño 2025Dous días no CINBIO para converterse nos científicos e científicas do futuro

O pasado mes de abril celebrouse a terceira edición do festival científico “CinVigo. Ciencia na rúa”, organizado por terceiro ano consecutivo polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

O encontro, aberto á cidadanía e co obxectivo principal de fomentar as vocacións científicas entre a rapazada da nosa contorna, contou con actividades divulgativas para todas as idades, como os espectáculos de ciencia, os obradoiros infantís, a xincana e, por suposto, unha gran feira científica protagonizada por preto de 70 proxectos realizados por máis de 250 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP dunha trintena de centros educativos de Galicia.

Entre todos os proxectos concursantes nesa gran feira da ciencia, o proxecto Faro Sostible, elaborado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, foi o elixido polas persoas que visitaron esta edición de CinVigo, acadando o premio do público tras obter a maior puntuación a través dunha aplicación que rexistrou máis de 12.000 votos. Ademais deste recoñecemento por parte do público, o equipo gañador obtivo como recompensa a posibilidade de vivir unha estadía de dous días no CINBIO e coñecer de preto o traballo do persoal investigador deste centro especializado en nanomateriais e biomedicina.

Dous días para converte en científicas e científicos

A súa visita comezaba este luns, facendo a súa primeira parada no laboratorio do grupo de Química Orgánica (ORCHID), no que a través de diferentes experimentos identificaron a presenza de cafeína en te e café usando un cromatógrafo de gases-masas e prepararon un polímero de Nylon, imitando a seda natural. Despois dunha pausa para merendar, as e os estudantes de 1º de ESO visitaron o laboratorio do grupo Neurocircuits, no que observaron neuronas reais ao microscopio e descubriron como funcionan os circuítos neuronais e como o cerebro controla o movemento.

O equipo gañador deste premio popular continuou hoxe o seu percorrido polo CINBIO cunha primeira parada no laboratorio do grupo de Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat), no que aprenderon sobre nanopartículas feitas de diferentes materiais e como se utiliza a luz e a súa interacción cos mesmos. Ademais de ver como cambian as propiedades ópticas destes elementos co seu tamaño e forma, tamén aprenderon sobre espectroscopia, un método que utiliza fundamentalmente a luz para estudar materiais. A extracción de ADN en froitas foi o último dos experimentos que realizaron, grazas ás explicacións do grupo de Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (Cellcom).

Financiamento de FECYT– Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Estimular as vocacións científicas entre o alumnado de ensino medio é un dos propósitos polos que o CINBIO organiza este tipo de actividades e eventos de divulgación científica. Grazas ao éxito das últimas edicións de CinVigo, este festival científico que converte as rúas e prazas de Vigo nun laboratorio aberto á cidadanía xa conta coa aprobación de novo financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades para a que será a súa cuarta edición, previsiblemente en abril de 2026.