GL EN

Novas

08 febreiro 2023Investigadoras do CINBIO participan na iniciativa "Conócelas 2023"

Un ano máis, investigadoras do centro de investigacións CINBIO participaron en "Conócelas", unha iniciativa organizada pola Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) co obxectivo de visibilizar ás científicas que investigan no cancro e que este ano chegou á súa terceira edición baixo o lema "Detectives del cáncer".

Desde a organización, ano tras ano, preténdese animar ao alumnado en xeral, e ás rapazas en particular, a que se interesen pola ciencia dun xeito divertido e interactivo, en contacto directo con investigadoras que traballan no ámbito do cancro, con fin de rachar cos estereotipos de xénero.

Nesta ocasión, Loretta de Chiara, do grupo de Filoxenómica, e Rosana Simón e África González, do de Inmunoloxía, foron as investigadoras do CINBIO que impartiron as súas charlas dentro da iniciativa Conócelas 2023 con estudantes de 3º e 4º do Grao en Bioloxía pola Universidade de Vigo e co alumnado de Primaria do CEIP Plurilingüe de Tirán, en Moaña, achegando o seu traballo e a súa experiencia a preto de 180 rapaces e rapazas.

Na páxina web de ASEICA pódese ampliar a información sobre estas actividades.