GL EN

Novas

08 maio 2024Os investigadores do CINBIO David Posada e Begoña Puértolas participan no Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral. A cita será os días 13, 14 e 15 de maio e permitirá que o público asistente poida coñecer liñas e proxectos de investigación en áreas moi diversas explicadas polo persoal científico empregando unha linguaxe comprensible e próxima. Nas cidades de Vigo e Ourense participarán un total de 19 investigadores e investigadoras destes campus, xunto con outros expertos doutras universidades e entidades.

Doce charlas en dous bares de Vigo

En Vigo haberá un total de doce charlas sobre seis temáticas diferentes. Dúas delas serán impartidas polos científicos do CINBIO (Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina) David Posada, líder do grupo de Filoxenómica, e Begoña Puértolas, investigadora do grupo TeamNanoTech.

Baixo o tíulo de "Evolución somática: la guerra de los clones", a charla de David Posada terá lugar a partir das 20.00 horas do vindeiro luns 13 de maio; mentres que a de Begoña Puértolas, centrada nos "Productos químicos sostenibles mediante catálisis" será na tardiña do martes 14 de maio.

As charlas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo a partir das 20.00 horas no bar El Castro, na rúa Paseo de Alfonso XII, 2. Ademais de charlas, a programación de Pint of Science Vigo incluirá concursos como o Trivial científico e sorteos con regalos para o público asistente. Toda a información sobre as charlas e as actividades está dispoñible na páxina web do evento.

Fonte: DUVI