GL EN

Novas

03 xuño 2025The Thinking Institute reúne en Vigo a once especialistas nacionais e internacionais no eido da nanociencia

Como cada mes de xuño desde hai catro anos, a Universidade de Vigo volve converterse desde hoxe no punto de encontro de especialistas nacionais e internacionais nos eidos da nanociencia, a nanomedicina ou a nanoquímica. Unha cita única no calendario de eventos científicos grazas á celebración do xa consolidado The Thinking Institute. Este mediodía arrancou no edificio de Ciencias Experimentais do campus universitario de Vigo a cuarta edición deste encontro científico internacional, impulsado polo catedrático e investigador Luis Liz Marzán co apoio do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO).

Liz Marzán, Rubio e Correa

“A quiralidade é unha propiedade xeométrica que está presente en incontables aspectos das nosas vidas como as galaxias, as nosas mans ou o ADN”, comentou o profesor Liz-Marzán. “É un orgullo para nós poder contar hoxe coa presenza de especialistas internacionais que representan diferentes temas en torno a esta fascinante propiedade”, destacou o catedrático nun acto de apertura no que estivo acompañado  polo director do CINBIO, Miguel Correa, quen subliñou a importancia desta cuarta edición por contar con “maior presenza nacional e un maior número de relatorios”, o que sustenta “o crecemento exponencial deste evento”.

O director do CINBIO destacou a importancia desta edición 

A primeira sesión do encontro contará con cinco relatorios

Nesta edición, conformarán o panel máis extenso da historia do evento un total de once expertos e expertas nos eidos da nanociencia, a nanomedicina e a nanoquímica. Tras o acto de apertura, o primeiro en participar foi Maurizio Prato, do CIC biomaGUNE, cunha charla sobre o quiralidade supramolecular, e, ao longo da tarde, contarase tamén coa participación de Joaquín Castilla, do CIC bioGUNE, que falará sobre o código priónico; Gustavo Bodelón, do CINBIO (Universidade de Vigo), que se centrará nos amiloides bacterianos;  o investigador Ventsislav Valev, da Universidade de Bath, quen participará cun relatorio sobre dispersión quiroóptica non lineal para fotoquímica; e Robin Girod, investigador da Universidade de Antwerp, que ofrecerá a última ponencia do día centrada na tomografía electrónica de nanopartículas quirais.

A clausura será mañá pola tarde

O encontro continuará mañá mércores pola tarde coa participación de Nùria López, do ICIQ de Tarragona; José M. Taboada, da Universidade de Extremadura; ou Wiebke Albrecht, desde AMOLF, Amsterdam.

Xunto a eles participará tamén o propio director do CINBIO e investigador principal do grupo TeamNanoTech, Miguel Correa, que centrará o seu relatorio na fotocatálise; ademáis de contar coa intervención doutros expertos xa clásicos desta cita internacional, como Nicholas Kotov, da Universidade de Michigan e, desde 2023, doutor honoris causa da Universidade de Vigo; e o tamén investigador da Universidade de Michigan, Joerg Lahann, cunha ponencia sobre nanofibras quirais.