Eventos
Volve a 'Ciencia con C de CINBIO'!
Un ano máis, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO) celebra o seu ciclo de divulgación científica "Ciencia con C de CINBIO" co principal obxectivo de amosar como se constrúe o coñecemento desde os seus laboratorios e visibilizar a investigación de vangarda feita en Galicia.
Se tes curiosidade e queres experimentar coa ciencia, esta é a túa oportunidade!
Ciencia nas rúas de Vigo!
A primeira parada será a pé de rúa! O martes 15 de setembro de 16:30 a 20:30 horas poderás atoparnos na céntrica rúa do Príncipe de Vigo cunha carpa informativa e de lecer chea de curiosidades científicas, xogos e algunha que outra sorpresa.

Búscanos a carón do museo MARCO para coñecer de preto ás científicas e científicos de grupos de investigación como o de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e o grupo CellCOM (Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade), que ofrecerán ao público vigués experiencias fascinantes arredor do mundo dos biomateriais ou do ADN.
Ademais, as persoas que se acheguen ata a carpa tamén poderán xogar á ‘ruleta científica’ e optar a diferentes agasallos, así como resolver os retos dunha divertida xincana científica ou participar nun obradoiro de creación de materiais biodegradables.
Unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondos Europeos.