Novas
Os laboratorios do centro convertéronse en punto de encontro entre ciencia e cidadanía. Do ADN ás nanopartículas, as actividades foron deseñadas polos grupos de investigación.
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede CIGUS, volveron convertirse o pasado venres pola tarde nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.

A sesión arrancou coa recepción das persoas asistentes, na que o equipo de xestión do centro foi o encargado de dar a benvida, destacando a importancia de crear oportunidades para que a sociedade poida coñecer de primeira man o traballo que realiza o persoal investigador do CINBIO. A continuación, as e os participantes percorreron as instalacións do centro organizados en pequenos grupos, realizando un itinerario guiado por distintos laboratorios e espazos de investigación. Ao longo de case tres horas, tiveron ocasión de experimentar con algunhas das liñas de traballo que se desenvolven no CINBIO a través de talleres e demostracións prácticas deseñadas polos seus grupos de investigación.
Do ADN ás nanopartículas, pasando polos circuitos neuronais
Entre as actividades programadas figurou o obradoiro O ADN nas túas mans, no que puideron achegarse aos principios básicos da xenética; experiencias relacionadas coa luz e a súa interacción cos nanomateriais, explorando fenómenos como a luminiscencia ou a polarización; e demostracións centradas na creación de moléculas con propiedades innovadoras mediante química orgánica.


A nanotecnoloxía tamén ocupou un lugar destacado durante a visita mediante experimentos que permitiron descubrir o potencial das nanopartículas, os sistemas avanzados de liberación de fármacos e o desenvolvemento de novos materiais. Ademais, as persoas participantes puideron coñecer conceptos ligados á chamada cociña molecular e comprender como a investigación química contribúe á innovación en diferentes ámbitos da vida cotiá.


Ademais, as persoas participantes pudieron descubrir como a natureza pode axudarnos a entender os procesos naturais do noso corpo, a través da ciencia máis visual. Outro dos puntos de interese foi a oportunidade de afondar no funcionamento do cerebro e da comunicación neuronal mediante actividades organizadas por especialistas neste ámbito, así como descubrir as propiedades plasmónicas das nanopartículas metálicas de ouro e prata a través de experiencias adaptadas a públicos de todas as idades.


As propostas divulgativas estiveron coordinadas por persoal investigador de diferentes grupos do centro, entre eles Filoxenómica, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Química Orgánica (ORCHID), Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat), TeamNanoTech (TNT), Neurocircuits, NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) e Materiais Quirais (ChiLab), ofrecendo unha mostra representativa da investigación de vangarda que se desenvolve actualmente no CINBIO.


Esta actividade forma parte do compromiso do CINBIO coa difusión do coñecemento científico e coa promoción das vocacións STEM, achegando á sociedade os avances que se producen nos seus laboratorios e demostrando que a ciencia pode experimentarse de forma directa, amena e accesible para todos os públicos.
CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos.
#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos