GL EN
Twitter bSky

Novas

09 setembro 2026Volve a divulgación científica para todos os públicos cunha nova edición de ‘Ciencia con C de CINBIO’

Co inicio do novo curso os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, volverán abrir as súas portas á cidadanía para demostrar que a ciencia tamén se pode tocar, experimentar e descubrir de preto. O centro de investigación, integrado na Rede Cigus, xa ten todo preparado para unha nova edición do seu ciclo de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO, unha proposta cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondos Europeos que cada ano reúne a numerosas persoas de todas as idades. Este ano será o vindeiro martes 15 na rúa do Príncipe e o venres 18 nas propias instalacións do centro, ambas as dúas citas en horario de tarde para facilitar a asistencia do público.

“Abrimos as nosas portas e volvemos saír á rúa para encher de ciencia o centro da cidade co fin de amosar como se constrúe o coñecemento desde os nosos laboratorios e visibilizar a investigación de vangarda feita en Galicia”, subliña o catedrático Miguel Correa, director do CINBIO, ao tempo que fai fincapé no compromiso coa divulgación e o fomento das vocacións científicas deste centro, unha aposta decidida que se reflicte na organización de diferentes actividades ao longo de todo o ano, entre elas proxectos de grande alcance como o festival vigués ‘CinVigo. Ciencia na rúa’, que adoita celebrarse na primavera.

Martes 15, ciencia na rúa do Príncipe de Vigo

As actividades na rúa do Príncipe serán o martes 15 desde as 16.30 ata as 20.30 horas nunha carpa á que o público poderá achegarse para descubrir de primeira man a actividade investigadora que se desenvolve no CINBIO.  Xunto co persoal de xestión do centro, tamén estarán a pé de rúa científicas e científicos de grupos de investigación como o de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2), con sede no campus de Ourense, que a través de demostracións prácticas achegará ao público vigués o mundo dos biomateriais e o seu potencial para achegar novas solucións sostibles con aplicacións cosméticas, farmacéuticas, biomédicas ou alimentarias. 

Así mesmo, persoal do grupo CellCOM (Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade), con base no campus de Vigo, guiará un xogo interactivo que permitirá descubrir as entrañas do ADN: de que se compón, como se organiza para poder funcionar e como se producen as mutacións. As persoas que se acheguen ata a carpa tamén poderán xogar á ‘ruleta científica’ e optar a diferentes agasallos, así como resolver os retos dunha divertida xincana científica ou participar nun obradoiro de creación de materiais biodegradables.

Venres 18, xornada de portas abertas no CINBIO

Esta tarde de ciencia na rúa dará paso, o venres 18, á xornada de portas abertas no propio centro. A partir das 16.00 horas, o centro de investigación abrirá as súas portas para recibir nos seus laboratorios a un grupo de preto de 80 persoas que, tras realizar unha inscrición previa, poderán vivir unha experiencia única. Durante unha visita guiada de aproximadamente tres horas, as persoas asistentes poderán coñecer o persoal investigador do CINBIO, descubrir os proxectos que se desenvolven no centro e participar en actividades experimentais, especialmente deseñadas para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito próximo e divertido. A inscrición pode realizarse desde este mércores 9  a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web do centro. 

Nesta nova edición de Ciencia con C de CINBIO, os asistentes coñecerán diferentes ámbitos da investigación que se desenvolve no centro a través de actividades prácticas e experiencias participativas. O programa incluirá o taller O ADN nas túas mans, que achega os conceptos básicos da xenética; demostracións sobre a capacidade da química orgánica para crear moléculas con propiedades excepcionais; e diversas experiencias arredor da luz e a súa interacción cos nanomateriais, explorando fenómenos como a luminiscencia, a polarización da luz, ou a quiralidade. A visita permitirá tamén descubrir o potencial da nanotecnoloxía a través de experimentos con nanopartículas, sistemas de liberación de fármacos e novos materiais, así como achegarse á denominada cociña molecular para comprender como a química contribúe á innovación gastronómica. Ademais, as persoas participantes poderán coñecer o funcionamento do cerebro mediante actividades relacionadas coa comunicación neuronal; completando o percorrido cun obradoiro sobre as propiedades plasmónicas das nanopartículas metálicas de ouro e prata.

Obradoiro 'O ADN nas túas mans' da edición de 2025

Todas estas propostas están organizadas por integrantes de diferentes grupos de investigación do centro: Filoxenómica, Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), Química Orgánica (ORCHID), Nanomateriais Biomiméticos (Biomimat), TeamNanoTech (TNT), Neurocircuits, o grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio) ou o grupo de Materiais Quirais (Chilab).

CINBIO conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Como centro adscrito á rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia) está cofinanciado con Fondos Europeos.

 

#teamCINBIO #RedeCIGUS #FondosEuropeos